As consecuencias

20/6/15


Por Xosé Manuel Pereiro.


Hai un político en Madrid que deixou un cargo como consecuencia do que dixo -máis exactamente, escribiu- hai catro anos. Uns chistes de dubidoso -máis exactamente, pésimo- gusto. Penso que non fai falta entrar a comentar o fondo nin a forma do asunto porque creo que o espectáculo xa deu bastante de si. Hai dez anos, outro político tomou aquí unha decisión. Anulou unha medida do goberno anterior dicindo que fora ilegal. Agora, o Tribunal Supremo acaba de ditaminar que fora perfectamente legal e que aquela decisión supuxo "unha desviación de poder" e provocou"inseguridade xurídica". Aquela anulación do concurso eólico da Xunta bipartita determinou que non se investisen miles de millóns de euros e que non se creasen os milleiros de postos de traballo que as empresas concesionarias tiñan que se comprometer a desenvolver. E sobre todo, abre o camiño de que agora, os daquela adxudicatarios podan demandarlle á Xunta -é dicir, a todos nós, aos cartos que deben ir para cousas máis necesarias- indemnizacións millonarias pola anulación -esta si- ilegal da súa concesións daquela. Este segundo político non dimitiu. Está claro que neste país é moito peor facer chistes indecentes que tomar decisións impresentables.

Pero a culpa non é deles, da clase política. Anxo Quintana, que non sei se está dentro dela, ou fóra, ou ten días, dixo nunha entrevista en Praza Pública: "É patético estar preocupado polos chistes dun concelleiro de Madrid e non polo ditame do Supremo sobre o eólico". En efecto, todo aquel cun mínimo de inquedanza política, toda aquela con conta nunha rede social se pon a debater sobre os límites do humor e da responsabilidade política, a caducidade ou inmarcesibilidade dos comentarios en Twitter e a separación público/privado. Iso por non falar dos que unicamente teñen as neuronas precisas para pasar unha pelota de pimpón dunha cunca a outra, pero opinan/embisten segundo lles vai na feira. É emocionante vivir inmerso nunha sociedade que dialoga consigo mesma sobre conceptos tan elevados de ética e decencia política.

Pola contra, o do eólico é unha noticia vella, -"un exercicio de saudosismo", como dixo unha parva en algures- que non logrou un triste centímetro cadrado de portada en ningures, copados (os centímetros) por actualidades como as últimas argalladas de Esperanza Aguirre para seguir en boca dos xornalistas, por poñer un exemplo de algo que non me interesa nin a min nin penso que a ninguén que non viva coa cabeza metida dentro dunha burbulla político-mediática. Non obstante, a min gustaríame que a xente decidise o seu voto por cousas como esa, castigando as xestións nefastas e premiando as boas, ou concedendo oportunidades. E reservando as fidelidades estremas e perrunas para o fútbol, a Festa do Marisco do Grove ou outros fenómenos psicosociaisnos que as túas crenzas máis ou menos irracionais non inflúan no discorrer da sociedade. Pero os medios de comunicación, que desbordan saliva falando de análise, de contexto, de mediación social e de democracia, deberían ser conscientes de que, en moitos casos, o que en realidade están vendendo non son argumentos, é munición, desmemoria, circo e serrín.


Publicado o 20/06/2015 en www.laopinioncoruna.es

Ligazón permanente

0 comentarios :

Publicar un comentario