Falemos do tempo

29/1/17


Por Alfonso Eiré.


Alfonso Eiré
SÁBADO. Hai quince días. Vigo. Son as 20.30 horas. O termómetro na Praza de Compostela marca 14 grados. Hora e media despois, semella que entrou a “fronte siberiana” no Mar de Vigo.

As persoas camiñan todas embufandadas e con carrapucha, gorras ou sombreiros. Elas e eles. Algunhas até tremelican ao entrar na Estrella de Galicia. Eu, que estou en mangas de camisa, comezo a ter arrefríos ao notarme tan desabrigado.

Remata o partido de fútbol. Volvemos á praza. Enxergo o termómetro da farmacia: marca 13 grados. Saben vostedes o que pasou...? Baixaron as temperaturas? Non. Remataran os telexornais que decretaron que vai un frío que non se para!. Onde? En Madrid. Madrid marca a temperatura de toda a península Ibérica. Se deciden que fai frío, faino. Se deciden que chove, chove. Se deciden que neva, neva.

Os vilegos fanlles caso aos telexornais. En Madrid sábeno e os da TVG case sempre actúan como bos colonizados. Hai outra xente, os paisanos, que sempre tomaron “iso do tempo” a chanza. E cando aparecen os intrépidos reporteiros/as a corroborar in situ que estamos nunha situación excepcional que bate todas as marcas, desmóntanlles as súas andrómenas e din que é algo normal, que tal e cal ano foi moito peor e que antes, antes si que nevaba e ía frío. Porque ás TVs non lles chega con contar o que pasa, teñen que facer enquisas a “pé de rúa”.

Aínda así os vilegos créennos e, en vez de ollar a temperatura que lles marca o seu móbil, van e amántanse todos..., porque di a televisión que nos imos quedar todos conxelados. A 13 grados!

A climatoloxía xa hai moito tempo que se converteu en anestesia social. Máis de 20 minutos nos telexornais tres veces ao día. Porque o tempo aféctanos a todos. Porque é a conversa máis recorrida cando non sabemos de que falar. Porque sobre o tempo non hai discusión ideolóxica. Porque o tempo, aínda que se minta, non protesta. Porque o frío e a calor é algo tremendamente subxectivo. Porque se todos falamos do tempo esquecemos o demais!.

E aínda nos alarman coa seca, pedíndonos que gastemos menos auga. Cando os encoros para consumo están ao 70 % segundo datos oficiais. E os de electricidade? Non hai auga? Non a hai nos encoros cabeceiros da conca, como o de Belesar, Portodemouros ou Lindoso. Os de máis abaixo están cheíños. As eléctricas non perden nin unha pinga. Pero o “tempo” ten a culpa de que a electricidade sexa máis cara ca nunca. Dixo o ministro. Palabra. E Aguas de Galicia afirma que os encoros están “na media dos últimos cinco anos”.

Este élles o Inverno (galego), que ven cada catro anos. Non lle dean máis voltas...
“Galicia caníbal, fai un sol de carallo...”.


Publicado en www.elcorreogallego.es

Ligazón permanente

0 comentarios :

Publicar un comentario