De morte matada

20/2/17


Por Alfonso Eiré.


Alfonso Eiré
ESCRIBINO tres anos antes da súa suposta entrada en crise. (Aí está a hemeroteca para consultalo). A cúpula da banca española reunida a semana anterior con Rodríguez Zapatero na Moncloa, esixiralle que as caixas tiñan que deixarlles o campo libre por “competencia desleal”.

A partires dese día púxose en marcha a maquinaria. PSOE e PP chegaron a un grande pacto, no que participarían logo as burguesías vasca e catalá (CiU e PNV): quedarían unicamente dúas grandes caixas, Caixa Madrid e a Caixa, que irían absorbendo ás entidades onde non tiñan presenza, agás as caixas vascas, e as demais poñeríanas en mans dos grandes bancos para “reordenar o sistema financeiro español”. O reparto de cargos e áreas de influencia sería paritario para PP e PSOE. UGT e Comisións entraron no reparto.

Para impedir esa posición dominante das dúas caixas, estas, na práctica, convertíanse en bancos.

Comezáronse a ditar leis a tal efecto e disposicións do Banco de España para que se cumprise o mandado.

Cando o presidente de Caixa Nova tivo coñecemento desta operación do PSOE e PP, chamou ao presidente Pérez Touriño, pedíndolle que fixese valer en Madrid a posición de Galiza e que tamén puidese conservar a súas caixas.

Non sei cal foi a contestación de Touriño nin as súas xestións, se é que as fixo. Só sei que os adxectivos que saíron pola boca dun sempre educado e temperado Gaioso contra o presidente da Xunta nunca pensei que os puidese pronunciar.

Ante a rebeldía das caixas autonómicas, comezaron a saír á luz os seus verdadeiros balances para vencer a súa resistencia. Mentres Zapatero presumía da “grande fortaleza da banca española”, esta estaba aínda peor que as caixas, como o demostran logo as cifras do rescate bancario.

Pero o Banco de España comeza a actuar só contra as caixas. E, para sanealas, puxeron en marcha dúas operacións para que fosen os cidadáns os que cargasen coa desfeita: as accións preferentes e a saída a bolsa. Si, non era que non coñecesen o seu balanzo, senón que, por iso mesmo, tomaron as decisións que tomaron.

O que non quixo facer Pérez Touriño en Galiza intentouno Núñez Feixó, traballando pola fusión das caixas. Como se ve agora polo seu balance (pagado en tres anos) haberá que investigar porque non sobreviviu a caixa galega, pois, mentres semella que o que ocorreu é cousa de malos banqueiros e malos funcionarios, o verdadeiro problema estivo no pacto entre as cúpulas do Partido Popular e PSOE. De Guindos, no 2012, xa dixo que todo fora “cuestión de Estado”.
As caixas morreron de morte matada. E está claro quen as matou. Digamos a verdade verdadeira e deixémonos de lilas lilainas.


Publicado o 18/02/2017 en El Correo Gallego

Ligazón permanente

0 comentarios :

Publicar un comentario