Mostrando entradas con la etiqueta Héctor Cobo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Héctor Cobo. Mostrar todas las entradas

O iogur viaxeiro

21/9/15

0 comentarios


Por Héctor Cobo.


CARLOS TAIBO e outros defensores do decrecemento empregan moitas veces o exemplo do iogur. Vén a dicir, en síntese, que os diferentes elementos que compoñen o produto final –o leite, os anacos de froita, o plástico e o aluminio do envase...– suman uns 9.000 quilómetros de viaxe polo planeta ata chegar á nosa neveira. ¡Imaxínense o dispendio en combustibles –e as consecuencias diso para o efecto invernadoiro– e a cantidade de refugallos que se xeran! E aínda así sáelle rendible –en termos económicos, obviamente, que son os únicos que parecen contar– á industria.

O exemplo vén a conto das protestas dos gandeiros nestas últimas semanas en Galicia. A crise non é do prezo do leite. Iso pódese solucionar cun parche que talvez dure uns cantos anos. Pero a crise, a de verdade, persistirá, porque é a dun modelo produtivo que estrangula o elo máis débil da cadea para que uns poucos, en nome da globalización, se fagan cada vez máis ricos mentres se destrúe o planeta. ¿Pódese –débese, incluso– voltar a pensar en clave local para que a vaquiña do veciño produza o leite que tomo eu? Está claro que para iso habería que mudar a nosa mentalidade. Porque non sempre o máis barato para o noso peto nun momento puntual acaba sendo o máis barato a longo prazo.


Ligazón

A derradeira foto de Aylan

5/9/15

0 comentarios


Por Héctor Cobo.


AYLAN KURDI chegou, cadáver, a unha praia de Turquía. Tiña tres anos e fuxía da guerra siria xunto coa súa familia na procura de ese novo El Dorado que é Europa. O seu corpo, inerte sobre a area, foi captado polo obxectivo de Nilufer Demir. A foto, durísima, deu a volta ao mundo e espertou un vello debate: o da pertinencia ou non de publicar este tipo de imaxes. Non tardaron algúns en clamar contra os medios de comunicación (que no seu historial teñen innumerables mostras de pasarse a ética polo forro, folga dicir). Pero esta vez a función informativa da instantánea supera calquera cortapisa deontolóxica. A foto fala dun drama que moitos non queren ver. A foto remove conciencias. Quizais por iso nos moleste en Occidente, no noso oasis de felicidade no medio dun mundo árido que, en contra do que moitos pensan, non xira arredor do último concerto de Justin Bieber, senón que vai debuxando a súa historia día a día co sangue de refuxiados, nenos-soldado e mulleres maltratadas. Por iso, descúlpenme, non compro o de que "esta foto só é morbo", como proclaman algúns que se escandalizan pola crueza da humanidade apodrecida que somos mentres, comodamente sentados na terraza dun chiringo de praia e cun daiquiri na man, ven na súa tablet a derradeira foto de Aylan Kurdi.


Ligazón permanente

A chapuza senlleira

16/8/15

0 comentarios


Por Héctor Cobo.


"¿OYE, QUÉ abandonado tienen esto, no?". A sentenza fíxoa o sábado da pasada semana un madrileño na Cidade da Cultura, cando camiñaba entre os mastodónticos edificios que se lograron levantar e os terreos onde o cemento, a ferruxe e a maleza ocupan o espazo onde deberían estar o resto das instalacións deseñadas por Peter Eisenman, paralizadas por falta de cartos. A Xunta quere converter agora esas parcelas nun grande espazo verde. Non parece mala idea, dadas as circunstancias, aínda que tal vez o complexo perda ese senlleiro encanto da chapuza galega, elevado á máxima expresión no Gaiás e tan da terra como o Luar ou botar unha sonequiña coa cabeza enriba da mesa despois de comer.


Publicado o 15/08/2015 en http://elprogreso.galiciae.com/

Ligazón permanente