Mostrando entradas con la etiqueta Lingua galega. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Lingua galega. Mostrar todas las entradas

Feijóo, o consenso lingüístico e o Scattergories

18/2/15

0 comentarios


Nos anos 90 foi ben célebre o anuncio do Scattergories, o xogo de mesa baseado en dicir o maior número de palabras posibles sobre un tema concreto cunha letra inicial escollida ao chou. Naquela montaxe publicitaria o propietario do xogo amagaba con marchar da casa das súas amizades ao non aceptaren estas a verba "barco" na categoría "animal acuático". "O Scattergories é meu e fago o que quero", viña dicir o protagonista da pequena historia. Cando, no ano 2004, o Parlamento de Galicia acadou a unanimidade en torno ao Plan Xeral de Normalización da Lingua galega, o anuncio xa pasara de moda pero a actitude do propietario do xogo na ficción, en absoluto. O PP, que gobernaba daquela, marchou co consenso apenas dous anos despois de impulsalo, casualmente tras desembarcar na oposición. Agora, cando xa transcorreu case unha década e no inicio dun longo ciclo electoral, di querer recuperalo.

Poucos días despois de que milleiros de persoas reivindicasen novamente nas rúas de Compostela unha protección e promoción efectiva da lingua propia de Galicia o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aseguraba no Parlamento estar a traballar nun plan para "dinamizar" -que non "normalizar"- o uso do idioma para o que, asegura, conta coa colaboración da Real Academia Galega, a mesma que a finais de xaneiro esixiu un cambio de rumbo inmediato na política lingüística do Goberno. Apenas vinte e catro horas despois o propio presidente advertía, a preguntas da prensa, de que o seu consenso redivivo non pasa, en ningún caso, por derrogar o denominado decreto do plurilingüismo, o mesmo co que a propia RAG pide acabar para poder iniciar un novo camiño baseado, precisamente, no incumprido plan xeral de 2004. O decreto só desaparecerá do ordenamento xurídico se así o ordena o Tribunal Supremo, deixaba claro o presidente.

O momento en que se produciron as reclamacións da RAG non foi casual. A institución académica decidiu alzar a voz, como se lle viña pedindo dende diversos ámbitos, despois de que o Instituto Galego de Estatística constatase que o galego seguiu a perder terreo nos últimos anos e que as políticas públicas canalizadas a través da Consellería de Educación conseguiron reducir aínda máis a súa presenza en ámbitos tan sensibles como as aulas. Isto sucedeu mentres a Xunta retiraba arredor do 60% do seu orzamento para o fomento do galego e eliminaba normas tan pouco esixentes como a que estipulaba a necesidade de realizar cando menos un exame en lingua galega en cada proceso de oposición para acceder a un posto de traballo na Administración autonómica. Pero o Goberno, veu mantendo o presidente, xa "preserva" o galego e agora toca que "as familias" fagan a súa parte.

Este é o escenario no que o propio Feijóo, cadrando coa saída da Xunta do xa ex conselleiro Jesús Vázquez, semella tentar poñer as bases para a procura da pax lingüística en tempo electoral. É un contexto no que, sen dúbida, non sobra que a oposición parlamentaria e os movementos sociais en defensa da lingua senten en cadanseus ámbitos a reflexionar se as súas estratexias foron as máis axeitadas e a procurar novas e creativas vías para acrecentar o prestixio social do idioma e o seu uso normalizado en todos os ámbitos. Pero o que sobra aínda menos é a máis que lícita desconfianza cara a quen, por intereses puramente electorais, se borrou da fotografía do decreto lingüístico de 2007 tras apoialo inicialmente para, xusto despois, proclamar a existencia dun "conflito lingüístico sen precedentes", saír á rúa de ganchete cos grupúsculos radicais que bramaban a súa risible teoría da imposición e meter a lingua na partidaria lameira do curto prazo como nunca antes se fixera.

Ninguén garante que quen imposta indignación coas declaracións sobre Galicia dun anónimo membro de Podemos de alén mar pero non tivo dificultades en converter o galego nun problema cando conviña non o volva facer no momento en que a demoscopia electoral poida indicar que é rendible. O consenso, sen dúbida, é un horizonte desexable, pero non pode equivaler a unhas poucas boas palabras ou a determinadas e puntuais inxeccións orzamentarias. E semella difícil, e mesmo imprudente, construílo sobre a mesa dos dirixentes e da formación que, en calquera momento, pode volver decidir converter o galego no seu Scattergories e ir xogar de novo con el aos platós televisivos da ultradereita madrileña por un puñado de votos.


Publicado o 18/02/2015 en  http://praza.gal

Ligazón permanente

Non falan porque non saben

12/12/14

0 comentarios


Por Xabir P. DoCampo.


Xavier P. Docampo
X. DoCampo
Hai uns días que se confirmou o que levabamos moito tempo barruntando: segundo o Instituto Galego de Estatística o 47,09 % dos rapaces e rapazas galegos de entre cinco e catorce anos nunca falan en galego, só o fan en castelán (16,50% máis que hai seis anos).

E por que non o fan? Non é porque escolleran falar castelán e non galego. É porque non saben: non teñen léxico nin estruturas nin prosodia, non saben. Mais se nos fixamos nese 25,11 % de rapaces desas idades que se expresan habitualmente en galego ou máis en galego que en castelán (11,02 % menos que hai seis anos), seguro que todos coñecen e falan o castelán con soltura. E así será sempre, porque o contacto coa lingua castelá é continuo e constante; e seguiría así, aínda que incrementaramos moito, moito a presenza do galego na sociedade: escola, medios de comunicación, xustiza, administración pública, comercio...

Os rapaces de entre os 5 e os 14 anos son os que pillou de cheo a nova política lingüística implantada polo goberno Feijoo e o chamado decreto de plurilingüismo, os que hoxe teñen 14 anos colleunos en 5º de Primaria. Aínda que se fagan teimudos esforzos en afirmar que o papel da escolarización ten pequena influencia na normalización lingüística e, por tanto, en evitar a caída constante de falantes da lingua propia de Galicia, non deixan de ser intentos de minorar a gravidade da brutal diminución da presenza da lingua galega como lingua docente das escolas de Galicia e de zafarse da responsabilidade. E digo todo isto porque teño a presenza da nosa lingua nas aulas por capital para a normalización lingüística, aínda que non nego nin negarei a grande importancia doutros moitos factores que tamén habería que favorecer, poño por caso actitudes, campañas e normas para, facendo uso dunha expresión hoxe moi común, poñer en valor a nosa lingua.

O papel que a política lingüística do goberno actual tivo no que acaba de poñer de manifesto o IGE é de considerábeis dimensións. O primeiro que se lle veu dicir á sociedade coas medidas que deron no decreto de plurilingüismo foi que había que abandonar a atención escolar que se lle viña dando á lingua galega, porque “non merecía tanto” e que se convertera nunha imposición do galego; e así o entenderon pais e nais porque así o afirmaron, con todas as letras, responsábeis da política lingüística do actual goberno. O segundo paso dérono poñendo no seu decreto a prohibición expresa de que se impartisen en galego materias que gozan (inxustamente, pero iso é outra cousa) do prestixio da sociedade: matemáticas, ciencias, física, química... Agora engadamos a isto a desaparición do requisito de coñecer a lingua galega para acceder a un posto de traballo na administración galega (non na madrileña nin na castellano-manchega, na galega), que é tanto como dicir “o galego non vale para nada nin no propio territorio que lle dá nome”. Xa está, señores gobernantes, non hai nada máis que facer para rematar a allada, só queda agardar. E despois desde os despachos de San Caetano e desde os xornais que nunca nada fan pola nosa lingua, deitan hipócritas laios sobre o devalo da lingua galega como se se tratase dunha maldición divina que non se pode evitar, como se fose cousa do clima ou do estado do mar no inverno. Bágoas de crocodilo pola perda da transmisión familiar da lingua. E, consecuentemente, din eses mesmos pais: para que transmitir unha lingua que non vale para as matemáticas, para a informática...? Para que aprenderlles aos nenos e ás nenas unha lingua que o propio goberno porfía en abandonar e desprestixiar? Para que “impoñerlles” aos fillos e ás fillas a transmisión dunha lingua que o goberno non lles esixe usar aos mesmos medios de comunicación que fornece de millóns de euros sen máis contrapartida que unha fidelidade canina? Por que darlles aos fillos e ás fillas unha lingua que o goberno non sente a necesidade de que a use por defecto a xustiza nin a igrexa nin o comercio...?

Pero a lingua propia de Galicia prevalecerá máis aló desta situación glotocida e virán tempos de lle dar a atención que agora se lle nega, e haberá campañas para devolverlle o prestixio que merece e normas para que o seu uso sexa normal e teña sitio e presenza en todos os recantos nos que sucede a vida dos galegos e galegas. E despois que cadaquén fale no que lle pete.


Publicado o 09/12/2014 en http://www.prolingua.gal

Ligazón permanente