Funcionarios

18/10/14


Por Laureano Xoaquín Araujo Cardalda.


Laureano Xoaquín Araujo Cardalda
Sostiña Eduardo García de Enterría que aos xuristas lles custa moito aceptar a relativización das súas técnicas, porque saben que se hai algo no que se moven con seguridade é precisamente na técnica da xustiza. Obviamente hai xuristas e xuristas, pero os bos, aqueles realmente preocupados pola xustiza, poden enfadarse con razón cando algunhas das creacións máis brillantes do Estado de dereito son cuestionadas con alegre desenvoltura e perfecta irresponsabilidade. Sucede tal cousa, por exemplo, no debate acerca dos disque intolerábeis privilexios dos que goza o funcionariado. Trátase, sobra dicilo, dun tema extremadamente complexo, de cuxo estudo resulta inevitabelmente unha actitude de prevención crítica. Pero tamén convén pararse, aínda que sexa dun xeito esquemático, a observar algún aspecto sumamente positivo –e absolutamente irrenunciábel– desta realidade.

No núcleo da crítica ao funcionariado atópase a inamovilidade deste persoal, que lle asegura –horror!– un traballo estábel até a súa xubilación. Este peculiar trazo só pode, evidentemente, provocar a irritación dos que queren ver o Estado reducido basicamente á súa dimensión represiva, polo que convén non esquecer que se trata dunha conquista propiamente revolucionaria. A inamovilidade supón, en esencia, a imposibilidade de que ningunha instancia política poida separar ou trasladar discrecionalmente o funcionario do seu posto. Son os deberes obxectivos inherentes ao cargo os que determinan a actuación imparcial do funcionario, é dicir, a súa suxeición á legalidade, verdadeira garantía para a cidadanía. A administración pública ten uns obxectivos, os seus funcionarios encárganse de que se cumpran e só poden actuar con independencia se son inamovíbeis. Que confianza poderiamos depositar na administración se o seu persoal non desempeñase as súas tarefas de maneira neutral, exclusivamente de acordo coa lei?

O noso país non é precisamente un exemplo de integridade ética. A corrupción e o clientelismo, de feito, constitúen un problema de primeira orde. Porén, son contados os funcionarios de carreira que actúan dun xeito deshonesto. Isto equivale a dicir, sensu contrario, que se non fose polos nosos servidores públicos, que, dada a súa estabilidade, poden resistir a presión de certos cargos políticos proclives a unha interpretación digamos flexíbel da lei, a corrupción acadaría cotas insoportábeis. Entendemos agora un pouco mellor por que hai tantas persoas ocupando postos que deberían ser desempeñados por funcionarios de carreira? A inmensa maior parte delas son certamente íntegras, pero non son inamovíbeis e carecen, por conseguinte, da independencia necesaria para frearen os abusos e as corruptelas.

Reparamos o suficiente no feito de que é na administración pública onde máis igualdade de trato laboral hai entre mulleres e homes? Realmente estamos convencidos de que os máis que modestos salarios medios que perciben os funcionarios son un escándalo? Alguén parouse a pensar algunha vez en que é na vilipendiada administración pública onde calquera persoa, en non só as pertencentes ás clases privilexiadas, pode intentar facer unha carreira profesional que non resulte por completo alienante? E que intereses están detrás das campañas de desprestixio do sector público? Se cadra os de quen albisca suculentas privatizacións? Ou os de quen, reinstaurando o spoil system e devolvéndonos o histórico personaxe do cesante, aspira a un funcionariado politicamente sometido e dócil?

E unha última pregunta. Alguén cre –incluídos os humoristas que, como o gran Forges, levan desde a noite dos tempos reproducindo os tópicos da lendaria lacazanaría e do oneroso parasitismo do funcionariado– que gozariamos dos servizos de calidade que o Estado (aínda) nos proporciona sen o traballo dos miles de profesionais –administrativos, sanitarios, policías, docentes, xuíces ou traballadores sociais– que accederon, todos eles, aos seus postos de traballo tras superaren uns procesos de selección nos que tiveron que acreditar os seus méritos e a súa capacidade?


Referencia:

Constitución Española, artigo 103.
Laureano Xoaquín Araujo Cardalda. Doutor en ciencia política e licenciado en dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, profesor de carreira de ensino secundario e funcionario en excedencia da Administración da Xunta de Galicia.


Publicado en http://lauxacpraza.tumblr.com/

Ligazón permanente

0 comentarios :

Publicar un comentario