Este vaise, e aquel vaise

29/11/14


Por Xosé Manuel Pereiro.


Xosé Manuel Pereiro
Non foi un desafiuzamento, nin despexo, esas palabras das que o idioma actual bota man para definir situacións igual de contemporáneas. Nin sequera desaloxo, que sería a máis exacta. A Isabel Vázquez e a seu fillo Álvaro Corral o que fixeron, pura e simplemente, foi botalos da casa, nunha operación que pola escavadora e o despregue de efectivos armados recorda os operativos do exército israelí en Palestina, e por outra os versos de ¡Pra A Habana! cos que Rosalía denunciaba non a emigración, senón a situación de Galicia. Xa sei que me equivoco de sitio ou de época, pero a sensación de impotencia e de inxustiza son similares.

Porque Isabel Vázquez e seu fillo non son sequera vítimas da crise, senón da depredación. Non deixan un teito alugado ou hipotecado por non poder pagalo, ou por poñelo en prenda dunha operación que saíu mal. Bótanos da casa que foi súa, e antes dos seus (ou ao revés, porque en Galicia antes a xente non tiña casas, senón que as casas tiñan xente). Unha casa que unha ou varias xeracións foron habitando, coidando. Alguén plantou unhas palmeiras, uns froitais, e os seus descendentes viron como medraba. Ata que a alguén se lle ocorreu que facían falta polígonos. Nun país no que a poboación non medra, no que hai case unha unidade residencial por cada dous habitantes, no que unha de cada dez vivendas das cidades está baleira, facían falta polígonos de vivendas.

A calquera que non sexa un experto poderíalle parecer que as vivendas fan falta cando hai máis xente que casas. Non é así. Fan falta cando a xente pode mercalas, ou máis exactamente, cando á xente lle prestan cartos para mercalas. Entón, suponse, aí funcionará o mercado para que haxa terreo onde construír e empresarios que se arrisquen a facelo. Erro. En Valencia inventaron o axente urbanizador, que pronto copiamos en todas partes, dada a ampla experiencia levantina no sector. O axente urbanizador (aquí fíxoo a Xunta) é un señor posto polo ayuntamiento -literal- que sen ter solares nin nada, ten a encomenda de mandar facer un planeamento nunha zona, e os propietarios, ou venden polas boas ou polas malas. Polas malas é que lles expropian e os converten en empresarios, pero dos que teñen que investir, non dos que apañan concesións ou subvencións. Por exemplo: o señor Emilio, un patrón duns 80 anos veciño dos desaloxados, ten dúas casas e uns 2.000 metros cadrados. Por todo iso daranlle, ao outro lado da pista que vai a Elviña, 400 metros con moita edificabilidade, pero aínda queda a deber 360.000 euros. E todo para facer un vial (para qué? aí?) ou ampliar Lavedra (cando?, con que cartos?, por que dese lado, cando do outro non hai nada?)

Quizais o señor Emilio, a Isabel e a Álvaro, ou aos doutro lado da avenida prefiran seguir vivindo en casas, nas súas. Ou vendelas a quen lles pareza un luxo poder vivir no rural a carón dunha cidade universitaria. Porque o do polígono non ten moita traza. O único beneficio que debeu dar ata agora foi o terreo. Non a superficie. A terra, a que hai debaixo deses metros cadrados que figuran nos planos. Ou a que había, porque a levaron, para usala noutras obras e aforrar pagala. A terra vexetal vai dos 25 aos 30 euros o metro cúbico. Aínda que dos 400.000 metros cadrados levaran soamente 75 centímetros de profundidade o que sacaron de aí, da terra que traballaron ducias de xeracións de coruñeses e na que medrou o que comían outras tantas, andaría polos oito millóns de euros. "Toda a terra é dos homes!", dicía o poema de Rosalía. Era.


Publicado o 29/11/2014 en www.laopinioncoruna.es

Ligazón permanente

0 comentarios :

Publicar un comentario