"Seguiremos a loitar e a medrar e aquí, ninguén sobra". Quen fala é Roberto Rivas, o bombeiro da Coruña cuxo nome saíu do anonimato ao negarse a desaloxar a anciá Aurelia Rey e a quen este sábado, convertido nun símbolo da loita contra os desafiuzamentos lle tocou, nas súas propias verbas, o "marronazo" de poñerlle voz ao manifesto das Marchas da Dignidade que confluíron na compostelá Praza do Obradoiro. "A unidade dános forza", "cada enfrontamento entre nós, as organizacións sociais e políticas da esquerda, é unha vitoria para o réxime", proclamou Rivas ante unha praza que tornou nunha caste de mar de bandeiras de tantas cores como loitas confluíron, de novo, baixo o lema "pan, traballo e teito".
Na estela das mobilizacións iniciadas a pasada primavera as cinco columnas que camiñaron cara á capital transitaron polas rúas de Compostela xunto a persoas diversas que, a título individual ou colectivo, decidiron secundar a convocatoria contra a que, din, é unha "gran estafa provocada polo poder económico para manter os seus insultantes privilexios". Bandeiras galegas con e sen estrela e enseñas da II República Española mesturáronse cos símbolos de organizacións políticas como Anova, Esquerda Unida ou Podemos e sindicatos como a CUT, o STEG ou a CNT. Ao seu carón, a Marcha Mundial das Mulleres, o movemento veciñal ferrolán que se opón á permanencia de Reganosa na ría, persoal da CRTVG e de Correos na loita polos seus dereitos, traballadores afectados polo amianto, colectivos de defensa das persoas con discapacidade, a Plataforma de Afectados pola Hipoteca ou Stop Desafiuzamentos, entre outros grupos.
Todos xuntos encheron boa parte da céntrica praza compostelá -o Concello colocou valados para impedir que os manifestantes se achegasen ao Pazo de Raxoi-, á que acudiron nun ambiente a medio camiño entre a reivindicación e a festa, ingrediente que se ocuparon de poñer artistas como o grupo Habelas hainas ou os xa míticos Mini e Mero, así como o dramaturgo e actor Cándido Pazó, que actuou como mestre de cerimonias para lembrar algunhas das causas polas que, di, paga a pena entregar tempo e traballo. As verbas de Pazó suscitaron os primeiros aplausos que medraron aínda máis ao chegaren á praza os bombeiros da Coruña. "Os bombeiros si son compañeiros", aclamaron.
O bombeiro Roberto Rivas púxolle voz ao manifesto e diversas persoas achegáronse a el para darlle as "grazas"
"Estannos a deixar sen pan, traballo e teito e temos a obriga de rebelarnos"
As Marchas preparan novas mobilizacións para o vindeiro mes de marzo
Publicado o 29/11/2014 en www.praza.gal
Ligazón permanente
0 comentarios :
Publicar un comentario