Carta aos lectores

26/1/15


Por Carmela González e Tucho Calvo.


Pode que a sanidade, que é cousa que a todos nos interesa (e moito), retirarse do debate político? Debemos esquecer que poucas cousas son politicamente máis determinantes do futuro que o ensino e deixar de posicionarnos fronte a cantos enfoques o empobrecen?

É de supoñer que a resposta será logo unanimemente negativa con independencia da ideoloxía de quen responda. E, sendo así, por que agora lles deu a algúns en teimar para que os problemas do noso idioma queden fóra do debate político. Quizais sexa porque iso lles resultaría cómodo e non lles causaría tensións nos seus postos entre o achegamento ao poder e o descontento dos gobernados.

Probablemente as cousas van mal para o galego, por non é por causa de que se denuncien as malas políticas, nin por mor das manifestacións que esixen o seu emprego, nin polas voces que se erguen reclamando para el o lugar que lle corresponde.

Hai moitas razóns para a desfeita. Unha paradigmática é o desprezo inadmisible que algunhas persoas con responsabilidade pública amosan pola lingua de noso. Como se entende, non sendo así, un presidente da Xunta (modelo ou referente), ao que se lle supón capacidade para dirixir o país e que ao mesmo tempo é incapaz co paso dos anos de introducir a mínima corrección de colocar debidamente os pronomes ao comezo da frase? Hai, por acaso, algún político que non sinta algo de vergoña cando lle sinala calquera erro tan grave no uso do castelán?

0 comentarios :

Publicar un comentario