Mostrando entradas con la etiqueta Manuel Bragado. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Manuel Bragado. Mostrar todas las entradas

Acabou o conto

3/11/15

0 comentarios


Por Manuel Bragado.


 Non foi sorpresa ningunha. Acabou o conto da candidatura unitaria galega. Tras o pacto de Mazarelos, o acordo electoral de AGE e Podemos do pasado 2 de outubro, o proceso de unidade popular galega foi apenas a teatralización dun acordo imposible. Gañaron os seitarismos de sempre, iso si, agora utilizando luvas brancas e linguaxe renovada pola facultade de políticas. Xaora, sexa como cadaquén quera vestilo, un fracaso sen paliativos, unha oportunidade histórica estragada froito da subpolítica miope dos que hoxe dirixen os partidos nacionalistas e da esquerda anticapitalista en Galicia.

O mestre Xabier DoCampo, un dos parteiros do proceso de unión, chiaba onte unha frase de José Ángel Valente que pode axudar a entender a orixe do fracaso: «Lo peor es creer que se tiene razón por haberla tenido». Aínda que tamén lle acae á xustificación do caso volver ás páxinas de Camus sobre o mito de Sísifo, esa metáfora do esforzo inútil e incesante do nacionalismo galego empurrando, durante cinco décadas, unha pedra xigante outeiro arriba para despois deixala rodar. E volver subila para volver deixala rodar. E volver empurrar…

Agardo que polo menos unha nova xeración releve a clase política que foi incapaz de entender os sintagmas de unión e entusiasmo que reclamabamos os cidadáns. Desexo a mellor sorte a aquelas persoas que xenerosamente participarán como candidatas ou voluntarias na batalla fratricida do 20D entre as dúas candidaturas, condenadas a obter, no mellor dos casos, un éxito cativo. Para min acabou o conto da unidade. Regreso aos meus afáns, que xa me abonda.


Ligazón

Pulmón cívico de Galicia

5/9/15

0 comentarios


Por Manuel Bragado.


Será difícil esquecer o tsunami de dignidade cidadá viguesa en defensa da sanidade pública que vivimos no serán de onte. En moi poucas ocasións, coa excepción da manifestación da Autonomía daquel 4 de nadal de 1977 e quizais nalgunha das mobilizacións do sector naval, sentimos unha resposta cidadá tan contundente e nítida. A trapallada da posta en marcha do hospital de Beade, como a política privatizadora da sanidade pública promovida por Alberto Núñez Feijoo, quedaron noqueadas nas rúas viguesas. Outra vez máis emerxeu ese Vigo revolcado do que falaba Xela Arias, transformado en pulmon cívico de Galicia e motor contra o conformismo paralizante. Como sucedeu onte en Lugo coa tractorada que envolveu a muralla, a unidade cidadá, apoiada pola responsabilidade dos partidos e organizacións sociais, expresa que, a pesar de vivirmos unha situación de emerxencia, en Galicia aínda existe pobo, un suxeito político que non renuncia ao seu protagonismo. Un día para a esperanza.

Preme na imaxe para ampliala


Ligazón

Repagamento no Álvaro Cunqueiro

27/8/15

0 comentarios


Por Manuel Bragado.


O Hospital Álvaro Cunqueiro estréase estes días en precario, con pingueiras nalgúns cuartos e outras deficiencias construtivas, con menos espazo para o servizo de Urxencias, sen laboratorio central, sen TAC e apenas cun camión aparcado fóra do recinto sanitario para facer as resonancias. Eivas graves, denunciadas pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, dificilmente xustificables na construción dunhas instalacións sanitarias que finalmente custarán á sociedade galega máis de mil cincocentos millóns de euros, para entendernos, o equivalente a tres Cidades da Cultura.

O dubidoso modelo de financiamento privado elixido por Feijoo («concesión de obra pública mediante pagamento por dispoñibilidade») obrigou a reducir en Beade o número de camas e quirófanos inicialmente previsto, así como a baixar moitas das calidades construtivas das instalacións e dos servizos sanitarios previstos, até deixar a Área Sanitaria de Vigo coas súas carencias e colapsos de sempre. Xaora, se a iso engadimos a xestión (tamén privada) dos servizos complementarios, abonda con botar un par de contas para quedarmos abraiados (indignados) coas posibilidades de facturación deste negocio millonario.

No Álvaro Cunqueiro un bono de aparcamento para un vehículo dun visitante durante cinco días (sen posibilidade de contar con outra alternativa na zona) custa 20 euros. E un paquete de servizos multimedia (tv, radio e internet) para o mesmo período custa por paciente 31,70. Redondeando: uns 50 euros por persoa ingresada (845 camas). Cantidade que para os adxudicatarios supón a posibilidade de recadar cada cinco días máis de 40.000 euros, é dicir máis de dous millóns de euros cada ano. U-las posibilidades de aparcamento e wifi gratuítos nunhas instalacións públicas?

É dificil negar que no Álvaro Cunqueiro, dende o primeiro día, funciona un sistema encuberto de repagamento nun servizo sanitario público.


Publicado o 27/08/2015 en  http://bretemas.gal

Ligazón permanente



Humillación lingüística

31/7/15

0 comentarios


Por Manuel Bragado Rodríguez.


A humillación lingüística sufrida por unha nena de dez anos por falar galego no centro hípico Casas Novas durante un campamento de verán pon de manifesto as dificultades que deben superar aquelas familias que utilizan decote o galego como a súa lingua habitual. Neste entorno non académico, vulnéranse os dereitos lingüísticos dunha menor que nese contexto pode expresarse en calquera das linguas oficiais. Nesta discriminación, negada polo centro, demóstrase, ademais, como funciona o prexuízo da «amabilidade lingüística», que obriga a mudar de lingua só aos galegofalantes. A frase «Yo si te hablo en castellano tu obligación es hablarme en castellano» resume a supremacia do emprego do castelán asumida por persoas galegófobas como unha «obriga moral» das que somos galegofalantes. Este caso de discriminación nun contexto socioeducativo, sometido ao marco do dereito público, require o amparo da SXPL que ten a obriga de velar pola defensa dos dereitos da cidadanía.


Ligazón

Posición orixinal

28/12/14

0 comentarios


Por Manuel Bragado.


Quedei abraiado cando lin onte que o secretario xeral de Política lingüística, respondendo no Parlamento a unha pregunta da deputada Ana Pontón, atribuíu ao bipartito o descenso de galegofalantes. Por moito que se retorzan as cifras, non é iso o que indican os datos publicados do IGE nin tampouco o que se pode inferir das políticas lingüísticas dos gobernos de Feijóo que fixeron retroceder o uso do galego como lingua vehicular no sistema educativo non universitario e modificaron o seu estatus na sociedade galega. Como é abraiante que os responsables da política lingüística do actual Goberno Galego non recoñezan o dano causado polo Decreto de Plurilingüismo de 2010 e atribúan agora ás familias toda a responsabilidade do futuro do galego. Xaora, pouco debe estrañarnos xa que Feijóo non identifica a lingua (nin tampouco a cultura) entre as súas prioridades, como el mesmo recoñece ao non incluílas entre as vinte «palabras que por fin volveron este ano que remata a Galicia». A lingua queda, pois, fóra da axenda política de Feijóo, e tamén dos orzamentos de 2015, ano no que continuarán os recortes severos na Secretaría Xeral de Política Lingüística, baleirando de contido os xa moi fracos programas de dinamización lingüística e fomento do emprego do galego que non foron suprimidos.

Diante dunha situación tan precaria, crítica, de auténtica emerxencia como a que vive a lingua galega, non vexo outro camiño que a súa inclusión entre os compoñentes da posición orixinal da nosa comunidade, aqueles temas esenciais que conforman os principios da nosa convivencia e autogoberno. Posición orixinal que pasa por recuperar decontado o consenso forxado arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, asumido por unha ampla maioría social, como reclaman teimosamente Prolingua, a Mesa pola Normalización, a Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e todos os partidos da oposición. Recuperar o consenso de 2004 é o requisito para afrontar o deseño do plan de rescate que o galego precisa para evitar a súa desaparición. Por incómodo que lle resulte, o goberno de Feijóo non pode renunciar a súa responsabilidade sobre o futuro do idioma. Facelo significaría renunciar, tamén, a consideración de Galicia como suxeito político e ao seu propio autogoberno.


Publicado o 27/12/2014 en http://bretemas.gal

Ligazón permanente

Violencia machista

28/8/14

0 comentarios


Por Manuel Bragado.


Violencia de xénero
Anóxame a violencia, mais indígname moito máis a violencia machista, ese terrorismo doméstico de aparente baixa intensidade, xerado nos espazos do privado, que este verán se intensificou de forma brutal en Galicia. Fronte a casos como o asasinato de Monica Lorenzo en Barro ou o tiroteo sofrido por Sonia F.D. en Chantada, requírese unha resposta moito máis enérxica ca que esta ofrecendo a sociedade galega. Xaora, combater a violencia machista require de medios e compromiso das administracións públicas para protexer de forma efectiva ás vítimas e sensibilizar a mulleres e homes de todas as idades que este é un comportamento absolutamente reprobable. Porén, non esquezamos que os colectivos feministas denuncian que os recortes están afectando ás políticas para combatela, así como tamén os efectos que, tras a retirada de competencias aos concellos, provocou o desmantelamento da rede de axuda de primeira instancia e a baixada do número de denuncias. Como tamén son moi preocupantes a influencia que sobre a mocidade actual teñen eses modelos nefastos do amor romántico que ao fin e o cabo fomentan esta violencia e maltrato. Erradicalas aínda é un reto.


Publicado o 28/08/2014 en http://bretemas.com/

Ligazón