Repagamento no Álvaro Cunqueiro

27/8/15


Por Manuel Bragado.


O Hospital Álvaro Cunqueiro estréase estes días en precario, con pingueiras nalgúns cuartos e outras deficiencias construtivas, con menos espazo para o servizo de Urxencias, sen laboratorio central, sen TAC e apenas cun camión aparcado fóra do recinto sanitario para facer as resonancias. Eivas graves, denunciadas pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, dificilmente xustificables na construción dunhas instalacións sanitarias que finalmente custarán á sociedade galega máis de mil cincocentos millóns de euros, para entendernos, o equivalente a tres Cidades da Cultura.

O dubidoso modelo de financiamento privado elixido por Feijoo («concesión de obra pública mediante pagamento por dispoñibilidade») obrigou a reducir en Beade o número de camas e quirófanos inicialmente previsto, así como a baixar moitas das calidades construtivas das instalacións e dos servizos sanitarios previstos, até deixar a Área Sanitaria de Vigo coas súas carencias e colapsos de sempre. Xaora, se a iso engadimos a xestión (tamén privada) dos servizos complementarios, abonda con botar un par de contas para quedarmos abraiados (indignados) coas posibilidades de facturación deste negocio millonario.

No Álvaro Cunqueiro un bono de aparcamento para un vehículo dun visitante durante cinco días (sen posibilidade de contar con outra alternativa na zona) custa 20 euros. E un paquete de servizos multimedia (tv, radio e internet) para o mesmo período custa por paciente 31,70. Redondeando: uns 50 euros por persoa ingresada (845 camas). Cantidade que para os adxudicatarios supón a posibilidade de recadar cada cinco días máis de 40.000 euros, é dicir máis de dous millóns de euros cada ano. U-las posibilidades de aparcamento e wifi gratuítos nunhas instalacións públicas?

É dificil negar que no Álvaro Cunqueiro, dende o primeiro día, funciona un sistema encuberto de repagamento nun servizo sanitario público.


Publicado o 27/08/2015 en  http://bretemas.gal

Ligazón permanente



0 comentarios :

Publicar un comentario