Posición orixinal

28/12/14


Por Manuel Bragado.


Quedei abraiado cando lin onte que o secretario xeral de Política lingüística, respondendo no Parlamento a unha pregunta da deputada Ana Pontón, atribuíu ao bipartito o descenso de galegofalantes. Por moito que se retorzan as cifras, non é iso o que indican os datos publicados do IGE nin tampouco o que se pode inferir das políticas lingüísticas dos gobernos de Feijóo que fixeron retroceder o uso do galego como lingua vehicular no sistema educativo non universitario e modificaron o seu estatus na sociedade galega. Como é abraiante que os responsables da política lingüística do actual Goberno Galego non recoñezan o dano causado polo Decreto de Plurilingüismo de 2010 e atribúan agora ás familias toda a responsabilidade do futuro do galego. Xaora, pouco debe estrañarnos xa que Feijóo non identifica a lingua (nin tampouco a cultura) entre as súas prioridades, como el mesmo recoñece ao non incluílas entre as vinte «palabras que por fin volveron este ano que remata a Galicia». A lingua queda, pois, fóra da axenda política de Feijóo, e tamén dos orzamentos de 2015, ano no que continuarán os recortes severos na Secretaría Xeral de Política Lingüística, baleirando de contido os xa moi fracos programas de dinamización lingüística e fomento do emprego do galego que non foron suprimidos.

Diante dunha situación tan precaria, crítica, de auténtica emerxencia como a que vive a lingua galega, non vexo outro camiño que a súa inclusión entre os compoñentes da posición orixinal da nosa comunidade, aqueles temas esenciais que conforman os principios da nosa convivencia e autogoberno. Posición orixinal que pasa por recuperar decontado o consenso forxado arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, asumido por unha ampla maioría social, como reclaman teimosamente Prolingua, a Mesa pola Normalización, a Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e todos os partidos da oposición. Recuperar o consenso de 2004 é o requisito para afrontar o deseño do plan de rescate que o galego precisa para evitar a súa desaparición. Por incómodo que lle resulte, o goberno de Feijóo non pode renunciar a súa responsabilidade sobre o futuro do idioma. Facelo significaría renunciar, tamén, a consideración de Galicia como suxeito político e ao seu propio autogoberno.


Publicado o 27/12/2014 en http://bretemas.gal

Ligazón permanente

0 comentarios :

Publicar un comentario