Cumprir anos en inglés

19/1/15


Por Helena Villar Janeiro.


Á meniña, con dous anos, andan a lle ensinar inglés, unha das grandes metas da familia, que sempre aplaudirá a quen teña a iniciativa de facelo. Na familia fala galego, que xa non é pouco. Coa familia aprendeu a contar ata cinco, sabendo perfectamente a sucesión. Na escoliña tamén lle ensinan a contar, pero en inglés. E sabe os cinco primeiros números.

A meniña sabe cantos anos ten e nunha visita de parentes, despois de tomar un café, a avoa pregúntalle polos anos para lucir aquela desexada aprendizaxe temperá nun idioma estranxeiro:

-¿Cantos anos tes?

-Dous.

-¿E en inglés?

-Tamén –respondeu a nena deixando a súa avoa moi frustrada por ter desaproveitado a ocasión de amosar que sabe unha lingua universal, aínda que a parentela non a entenda.

Eu, en cambio, véxoa con tanta intelixencia que, se cambia algo a cousa, augúrolle un gran futuro. Con moito inglés ou con algo menos.


Ligazón

0 comentarios :

Publicar un comentario